O parque de Marnela acollerá este sábado o concerto “Cociñando música” co Capitán Garfo

A programación cultural do Concello de Valdoviño trasladarase este sábado 25 de xullo ao parque de Marnela (Pantín). Será este o escenario privilexiado do concerto «Cociñando música» a cargo do Capitán Garfo. A cita dará comezo ás 19,30 horas e está incluída na Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña.

As entradas poden retirarse na Oficina Municipal de Turismo hoxe e mañá mércores entre as 11 e as 17 horas e o xoves de 11 a 14 horas.

«Cociñando música» é un concerto de pop electrónico onde un particular Capitán Garfo prepara un nutritivo e divertido menú musical co que a rapazada poderá aprender de forma sinxela e motivadora uns bos hábitos alimentarios, a importancia dun almorzo saudable, a poñer unha mesa ou a facerse amigas e amigos das verduras e ensaladas.

En caso de choiva a función trasladaríase á Casa da Cultura.

Así mesmo, o Concello de Valdoviño axustarase en todo momento á normativa vixente en relación á prevención da Covid-19. Nesta liña, decidiu programar as actividades ao aire libre, delimitando os espazos e adaptándoos ao aforo permitido. O uso de mascarillas é obrigatorio.