O parque de Aviño acolle este sábado o espectáculo familiar “Castelao para crianzas”

A partir das 18:00 h, Lela Edicións porá en escea esta proposta cultural que aúna narración oral, ilustración e máis música en directo

Valdoviño, 29 de maio do 2025. O parque de Aviño acollerá este sábado o espectáculo «Castelao para crianzas». Dirixido a cativos e cativas a partir de 5 anos, e tamén ás súas familias, dará comezo ás 18:00 horas, con entrada de balde e libre ata completar aforo. Correrá por conta da compañía Lela Edicións, que ao fío da figura de Castelao, realizará unha intervención artística ilustrada acompañada de música en directo. Se o tempo non acompañase, a actividade trasladaríase ao local social.

A actividade forma parte da programación deseñada pola Concellería de Cultura con motivo do Ano Castelao, e o emprazamento foi coidadosamente seleccionado. Ao respecto, a concelleira de área, Rosana García, lembraba que o inmoble municipal que acolle o local social loce unha escultura realizada por Pepe Rodríguez, coñecido como o Ferreiro de Valdoviño, e que foi recuperada no proceso de rehabilitación do edificio. Este sábado será, sen dúbida, unha boa oportunidade para achegarse a ela.

O espectáculo inclúese no programa Ler Conta Moito que impulsa a Xunta en colaboración cos concellos galegos.