O parque da praia da Frouxeira converterase en escenario do espectáculo de circo, acrobacias, danza, aéreos e humor de Zirko Txosco
Traen a Valdoviño o show “Tavole” este xoves ás 20:00 horas
Valdoviño, 3 de agosto do 2026. As actividades culturais organizadas polo Concello de Valdoviño no verán continúan tomando o exterior, e este xoves 6 chegarán ao parque da praia da Frouxeira. Será este o escenario da compañía Zirko Txosco que, no marco da Rede Cultural da Deputación da Coruña, trae ao municipio o espectáculo “Tavole”. A cita, pensada para todos os públicos, dará comezo ás 20 horas.
Así, Ariñe Azjue e Óscar Páez, baixo a dirección de Aritza Rodríguez, dan un tremendo paso adiante na súa linguaxe circense. Considerada unha das mellores compañías novas do circo galego ofrece en “Tavole” un espectáculo repleto de calidade e delicadeza. Un show con acrobacias, danza, aéreos, equilibrios e humor, cunha posta en escena orixinal e diferente, que non esquece a esencia da compañía.
