O Pantín Classic volve converterse en escaparate de artesás e produtoras locais

O Concello de Valdoviño promove varios postos no market do evento coa presenza de Ay Carmen!, Salitre, Moira e Petiscos Ibéricos

Valdoviño, 25 de agosto do 2026. O Abanca Pantín Classic Galicia Pro volve converterse non só nun escaparate privilexiado para Valdoviño, senón tamén para as marcas locais, cunha proxección exterior de primeira magnitude. Atendendo só aos deportistas participantes, reunirá no noso municipio a surfistas procedentes de máis de 20 países de todo o mundo. Así, o Concello aposta por aproveitar ese potencial, e por segundo ano consecutivo, pon a disposición de produtores e artesáns varios stands expositores e de venda. Tras abrir unha convocatoria para sumarse á iniciativa, dende a pasada fin de semana van alternándose neste espazo 4 artesás e produtoras locais: Ay Carmen!, Salitre, Moira e Petiscos Ibéricos.

Aí vai, segundo o día, a presenza das marcas no evento:

Martes 25 de agosto: Salitre e Moira

Mércores 26: Salitre e Moira

Xoves 27: Ay Carmen!, Salitre e Moira

Venres 28: Moira, Ay Carmen! e Salitre

Sábado 29: Pestiscos Ibéricos, Salitre e Ay Carmen!

Domingo 30: Pestiscos Ibéricos, Ay Carmen! e Salitre

SOBRE AS MARCAS

Ay Carmen! ofrece conservas elaboradas coas froitas e hortalizas que saen da súa horta en Pantín e produce no centro de transformación A Fusquenlla, do que participa o concello.

Salitre elabora con mimo cada complemento, imprimíndolles o seu particular selo. Son tote bags, neceseres, bolsos, moedeiros…

Moira trae a Pantín as xoias que dende o seu estudo en Meirás crea a partir da técnica do macramé. Pezas únicas.

Petiscos Ibéricos, coa mestra cortadora de xamón Rosela Uría ao fronte, ofrece unha selección dalgúns dos mellores xamóns ibéricos do mundo.

O Abanca Pantín Classic Galicia Pro alcanza este ano a súa 39ª edición, e como xa é habitual, o evento trascende o meramente deportivo, incluíndo numerosas actividades na súa programación que transcorren de forma paralela (gastronomía, medioambiente, actuacións musicais…), o que supón un atractivo máis para os seus case que 100.000 visitantes por edición. A subida de categoría en 2026 representa un dos maiores fitos na historia do surf español, xa que o campionato deixa atrás o seu formato tradicional dentro do circuíto rexional para converterse nun WSL Special Event / QS 6000 Internacional, unha categoría creada pola World Surf League para un número moi reducido de probas estratéxicas repartidas polo mundo.