O Pantín Classic regresa a Valdoviño marcado polas medidas de prevención fronte á covid-19 pero mantendo a súa esencia: o mellor surf


Organización e Concello manteñen unha nova xuntanza para abordar os protocolos de actuación en materia de seguridade.
O aforo será máis reducido que nunca e os visitantes deberán rexistrarse online, a partir de mañá, para poder acceder ao evento.

Será este un Pantín Classic diferente, con uso obrigatorio da mascarilla, aforo reducido e estrictos protocolos de seguridade. O que se manterá invariable será a súa esencia, o extraordinario espectáculo que nos brindarán os surfistas sobre as súas táboas na fábrica de olas, segundo nome da praia do Rodo. A competición deportiva chega a Pantín do 15 ao 23 de agosto e tanto a organización como o Concello de Valdoviño levan meses traballando da man para conseguir o seu principal obxectivo de cara ao 2020: cumprir a máxima de Pantín, destino seguro para o deporte e o turismo, e manter un certame enraizado no municipio, con 32 anos de historia.

Esta mañá a Casa da Cultura acollía a última reunión de traballo entre o director e o coordinador do certame, Marcos Rodríguez e Andrés Otero respectivamente, e o alcalde, Alberto González, e os concelleiros de Sanidade, Ana Belén Pérez; Deportes, Sergio Saavedra; Servizos, Benito Vega, e máis Obras, Germán Gómez.
Xunto a eles, participaban tamén representantes da Clínica San Lorenzo, implicada na elaboración dos protocolos de actuación de prevención fronte á COVID-19. Na mesma, abordaban as medidas en materia de seguridade, así como o plan de autoprotección, axustado á normativa requerida pola Consellería de Sanidade e esixida polo Concello.

Explicaban que nesta edición o aforo reducirase ao máximo, establecendo un férreo sistema de control dos accesos. Así, cada persoa que desexe tomar parte no evento deberá rexistrarse previamente cubrindo un sinxelo formulario na páxina web do Pantín Classic (www.classicsurfpro.com). O usuario recibirá un código QR que deberá presentar no móbil -ou impreso-, vixente para todos os días de celebración sempre e cando o aforo non esté completo. Deste xeito, a organización poderá saber en todo momento número e identidade, tempo de permanencia e accesos de cada asistente ao Pantín. Uns datos que se darán traslado tamén ás autoridades sanitarias. Así, este sistema estará operativo a partir de mañá mércores na citada plataforma web.

Nesta liña, cada espazo interior contará coa súa limitación de aforo, uso obrigatorio da mascarilla e medios de desinfección.

Ademais, en todo momento a organización informará a través de megafonía das normas de uso e protocolos de actuación, e esas liñas de intervención poderán consultarse na páxina web www.classicsurfpro.com.

O dispositivo de seguridade contará coa participación de Policía Local, Garda Civil e Protección Civil e, nesta edición, a organización limitará os horarios do evento, concluíndo cada xornada co peche da competición, non máis aló das 21:30 h. Deste xeito, non haberá concertos nin accións nocturnas que poidan invitar á xente a baixar a garda fronte ao COVID-19 e sen desviar a atención da esencia do evento deportivo.

Respecto ao estacionamento, e co obxecto de compensar as prazas que ocupará o espazo do evento, habilitaranse tres puntos en terreos cedidos por veciños e veciñas de Pantín. Un xesto que organización e Concello quixeron agradecer e pór en valor. En todo caso, este ano na praia de Pantín, e no marco do plan municipal de prevención fronte ao COVID-19, non se restou nin unha soa praza de estacionamento, co que se considera que este non será un problema. Ademais, tras as xestións realizadas pola Administración local ante a Xunta, a empresa concesionaria do servizo de transporte público Monbús activaba unha liña á praia do Rodo, que se prevé favoreza os desprazamentos sen recurrir ao vehículo particular.

Por último, organización e Concello insistiron no cumprimento extricto dos protocolos de prevención e tamén fixeron unha chamada á responsabilidade individual para seguilos e, así, aúnando esforzos, desfrutar con seguridade do Pantín Classic un ano máis.