O portugués Vasco Ribeiro brilla na terceira xornada do Pantín Classic

O veterano certame surf finaliza este sábado

O Pantín Classic vivirá mañá o seu día grande. A organización informou esta tarde de que a final do veterano certame deportivo adiántase a este sábado, xornada na que se esperan unhas condicións máis favorables de mar, garantíndose deste xeito un peche por todo o alto.

A terceira xornada, protagonizada en exclusiva pola competición masculina, dispútase este venres na praia do Rodo con excelentes ondas e grandes figuras do surf competindo.

Entre as actuacións sobresaíntes, ademais da do francés Joan  Durú e o portugués Vasco Ribeiro, que conseguiu a mellor onda do campionato ata o momento cun 9,70 sobre 10 puntos, figuran as do galo Justin  Becret e a do galego  Gony  Zubizarreta.

A organización anuncia que mañá finaliza esta edición extraordinaria do Abanca Pantín Classic Galicia Pro, marcada polas medidas preventivas para evitar a transmisión da covid-19. A xornada de peche arrancará coa cuarta rolda na categoría masculina e os cuartos de final na feminina.

Desde o Concello lémbrase que para asistir ao evento deportivo é imprescindible este ano rexistrarse na web oficial do certame e descargar o código  QR que dará acceso ás instalacións. Con esta medida a organización controlará o aforo e coñecerá a identidade de quen se atopa en cada momento no recinto. Ademais, inciden en que é obrigatorio o uso de máscara e gardar a distancia social.