O Pantín Classic estrea o seu podio cos campións de surf adaptado
Batéronse todas as marcas de participantes con 40 deportistas nas distintas categorías
Valdoviño, 23 de agosto do 2026. O podio do Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2026 está de estrea. Os primeiros campións do evento xa se coroaron no recoñecido areal do Concello de Valdoviño. Os dous días de competición de surf adaptado, con ata corenta participantes de nivel internacional que superaron a marca de participación destas probas, concluíron co mellor sabor de boca posible.
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, participaba a media tarde na entrega de premios que puxo o broche de ouro ao Aspative surfing, que se desenvolveu en inmellorables condicións, con medio metro de ondada e vento en calma, que permitiron aos surfistas desfrutar de olas excelentes.
En categoría Prone 2 feminina (deitadas e con axuda na auga), unha das figuras deste deporte, a marbellí Sarah Almagro logrou un novo título ao vencer con claridade na final a Upé Mikalauskaite e Esther Bode. En Prone Open, Miguel Silva impúxose a Antonio Muller, Marcos Tapia e Philip Wipfli. En Prone 2 Masculino, Pedro Palma gañou a Sebastian Bass, Pochat Pierre e Julian Blecher.
En Kneel/Upright (de xeonllos), Ibai Hervás conseguiu o triunfo en Pantín en categoría masculina e en feminina, Habasque Chloé. En stand 2 Open, Xabier Ayestaran alcanzou o primeiro banzo do podio ao gañar Hugo Rocha e a Joseba Mercader. En Visual 2 masculino, Pedro Rodríguez impúxose a Asier Correa, Ignacio Sole e Dani Souto. En Visual 1 masculino, Ben Neumann levouse a vitoria ao derrotar a Pablo Cabezas, Pablo Martínez e Milan Rivoiro; Marta Jordao fíxose co primeiro posto en Visual 1 feminino. En stand 1 Open Camilo Abdula foi o gañador por diante de Saioa Huarte e en stand 3 feminina, Mireia Cabeñes superou a Mirjam Blattmann-Sueess.
Os triais, desde primeira hora da mañá
Mañá renóvase o evento cos triais do QS 6000 International da World Surf League (WSL), no que participarán algúns dos novos talentos do surf galego que buscarán un oco na proba reina do Abanca Pantín Classic Galicia Pro. Quen consiga gañar esta proba clasificatoria, tanto en categoría masculina como en feminina, que arrincará ás 8.00 horas, terá unha invitación para entrar no cadro principal do campionato da WSL.
