O Pantín Classic celebrarase do 9 ao 17 de xullo
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, tomou parte na presentación da cita celebrada esta mañá en FITUR
Valdoviño, 20 de xaneiro de 2022. Fitur 2022 acolleu esta mañá a presentación do Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2022, incluído no Tour Mundial da World Surf League (WSL), e que se celebrará do 9 ao 17 de xullo. Unha edición moi especial xa que o campionato de surf máis importante de Europa alcanzará neste ano a súa 35 edición. Unha cifra redonda que en Madrid o alcalde de Valdoviño, Alberto González, quixo poñer en valor. Así, subliñou a especial conexión entre veciños e surfistas nestes 35 anos; o extraordinario papel do evento como embaixador de Pantín, de Valdoviño e de Galicia no mundo, e os 35 anos de consolidación no noso territorio dun deporte, dunha cultura, como é o surf, que se ten transformado xa nun recurso e produto turístico de primeiro nivel.
Na presentación tomaron parte Andrés Otero, representante de WSL España; o director xeral de Negocio Española de Abanca, Luis Beraza; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.
No acto, Alberto González sitou o surf como un importante motor de desenvolvemento dun concello, como Valdoviño, no que escolas, clubes, shappers, un museo único en España, e eventos como o Pantín ou o Campionato de España de Surf, contribúen ao impulso do territorio dende un punto de vista sostible.
O alcalde concluíu a súa intervención agradecendo o apoio de institucións e patrocinadores, así como a colaboración fundamental da veciñanza e o traballo de todas as persoas que pensaron o Pantín Classic, o soñaron, o viven e o organizan todos os anos.