O pago de IBI, rodaxe e recollida de residuos poderá dividirse en 7 mensualidades este ano

As persoas que desexen acollerse á medida deberán solicitalo antes do 30 de abril de 2021

Os veciños de veciñas de Valdoviño poderán dividir o pago dos tributos municipais de cobro periódico como o imposto de bens inmobles (IBI), o de recollida de residuos e o imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM) en 7 mensualidades durante este ano, e en 10 a partir de 2022. Así o avanzou a Deputación, administración na que o Concello ten delegada a xestión dos cobros. 

Con este sistema especial de pagamento de cotas por recibo búscase dar facilidades á cidadanía para atender as súas obrigas tributarias nun contexto de especiais dificultades económicas derivado da pandemia da covid-19 flexibilizando os ingresos correspondentes ao periodo voluntario. 

As persoas contribuíntes interesadas en acollerse a este plan individualizado deberán presentar a súa solicitude antes do día 30 de abril de 2021. Poderán solicitalo a través da web da Deputación www.dacoruna.gal (Servizos Tributarios/Impresos), da Oficina Virtual Tributaria (OVT) ou en persoa a través de calquera das oficinas tributarias da Deputación da Coruña. 

Así mesmo, os modelos de solicitude poden solicitarse tamén a través do teléfono gratuíto 900 132 204 ou do correo electrónico atencion.tributaria@dacoruna.gal 

Dous períodos de pagamento en período voluntario 

Entre as novas medidas anunciadas pola Deputación tamén se establecen dúas datas de pagamento voluntario, o que permitirá á cidadanía que prefira pagar os seus recibos dentro do período voluntario, facelo en dúas metades. 

Para calquera dúbida ou consulta, a Deputación mantén aberto o Servizo de Atención ao Contribuínte a través do teléfono gratuíto 900 132 204 e do correo electrónico atencion.tributaria@dacoruna.gal, así como a Oficina Virtual Tributaria (https://www.dacoruna.gal/servizos-tributarios/oficina-virtual/) na que se poden realizar trámites, consultas e xestións as 24 horas do día, os 365 días do ano.