O Océano Surf Museo súmase ao Día Internacional dos Museos cunha xornada de portas abertas e unha visita guiada

O centro abrirá as súas portas de xeito excepcional este luns 18 de maio en horario de mañá e tarde

Valdoviño, 15 de maio do 2026. O Océano Surf Museo de Valdoviño súmase este luns, 18 de maio, á celebración do Día Internacional dos Museos (DIM). Baixo o paraugas do ICOM (Consello Internacional de Museos), o centro únese ás xornadas de portas abertas que se desenvolven simultaneamente en todo o mundo para poñer en valor o papel destas institucións como axentes de intercambio e enriquecemento cultural.

Para facilitar a afluencia de público, o museo abrirá as súas portas excepcionalmente este luns nun horario ampliado: pola mañá de 10:00 a 14:00 horas, e pola tarde de 16:00 a 20:00 horas. Trátase dunha oportunidade idónea para que tanto os veciños e veciñas de Valdoviño como os visitantes poidan percorrer de balde as salas dun centro que hoxe en día segue a ser referente e único na súa temática en todo o territorio nacional.

Ademais do acceso libre, o Concello de Valdoviño lanza unha invitación aberta á cidadanía para participar nunha visita guiada especial que terá lugar ás 18:00 horas. O percorrido estará conducido polo persoal técnico do museo, quen explicará polo miúdo a historia do surf, a evolución do material e o estreita vinculación deste deporte coa identidade de Valdoviño. Para participar nesta actividade non é necesaria inscrición previa; as persoas interesadas só terán que presentarse nas instalacións do museo uns minutos antes do inicio da visita.

Dende o Concello anímase a toda a poboación a aproveitar esta efeméride para descubrir —ou redescubrir baixo unha nova ollada— o patrimonio cultural e deportivo que custodia o centro.