O Océano Surf Museo invita ao público a achegarse aos fondos mariños a través da realidade virtual nunha xornada do GALP

A xornada, baixo o título “Divulmar”, terá lugar este sábado de 10 a 14 h e de 17 a 19 h, cunha morea de propostas didácticas

Valdoviño, 5 de novembro do 2025. O Océano Surf Museo de Valdoviño propón vivir o mar en 360 graos a través da xornada «Divulmar: A riqueza dos fondos mariños» que promove o GALP A Mariña-Ortegal. Celebrarase este sábado 8 de novembro cunha morea de propostas de 10 a 14 h e de 17 a 19 h, para todos os públicos e completamente gratuítas. Unha das máis novidosas será a Experiencia 360º que permitirá a nenos e maiores achegarse aos hábitats submariños da Mariña-Ortegal sen mollarse a través das lentes de realidade virtual. Así mesmo, o museo amplía horarios e abrirá as súas portas nesas franxas, ofrecendo a oportunidade de visitalo ou revisitalo.

O alcalde, Alberto González, e a concelleira de Cultura, Rosana García, inaugurarán a xornada ás 11 horas, e ao remate do acto, sobre as 11:30 h, está prevista a proxección da curta documental «Baixo as augas da Mariña-Ortegal». Xa ás 12 h, celebraranse obradoiros infantís de pintura sobre o medio mariño. A programación completarase coa exposición «Océanos», coa que coñecer a fauna local e a problemática da contaminación. A participación na experiencia 360º será por orde de chegada, e nos talleres de pintura, con inscrición nese momento e ata completar prazas. 

A xornada busca difundir entre a cidadanía a riqueza dos nosos fondos mariños para, así, implicarnos máis activamente no seu coidado e preservación.