O Océano Surf Museo inaugura este sábado a mostra ONDAS do fotógrafo José Dopico
A exposición poderá visitarse desde o 8 de agosto ata o 28 deste mes.
O Océano Surf Museo do Concello de Valdoviño presenta “ONDAS”, unha exposición do fotógrafo galego José Dopico que ten como protagonista o surf, o océano e todo o que xira arredor del. Inaugurarase na sala de exposicións temporais o sábado 8 de agosto e poderá visitarse ata o día 28 deste mes no seguinte horario: de mércores a domingo de 10 a 14 horas e martes, venres, sábado e domingo de 17 a 19,30 horas.
“Dopi”, como é coñecido no mundo do surf, defínese a si mesmo como un tipo tranquilo de cabeza inquieta que descubriu no mar a súa paixón pola fotografía hai 15 anos. Comezou inmortalizando momentos cunha cámara acuática dun só uso ata que puido mercar a súa primeira cámara dixital, para á que el mesmo fabricou unha carcasa acuática con materiais caseiros.
Este amante da familia, do mar e da fotografía de surf, recoñecido dentro e fóra das nosas fronteiras, traballa e colabora con diversas marcas e revistas, escolas de surf e mesmo coa Federación Española de Surfing. As súas viaxes por todo o mundo, das que garda unha especial lembranza de Sumatra e Java, están cheas de anécdotas e capturas moi especiais, aínda que a súa inspiración de base está sempre en Galicia. Entre as súas praias preferidas están Valdoviño e Doniños (Ferrolterra), así como Lariño (en Fisterra) ou Burela (en Lugo).
A mostra inclúese no marco da celebración do Pantín Classic 2020.