O Océano Surf Museo inaugura a exposición Artesanos do Surf: Historia do Shape en Galicia
O acto, con entrada libre, celebrarase este venres ás 19:00 horas
Valdoviño, 5 de xullo de 2022. O Océano Surf Museo inaugura exposición este venres ás 19:00 horas baixo o título «Artesanos do Surf: Historia do Shape en Galicia». Unha mostra promovida polo Océano Surf Club e comisariada por Luis Veiga, cofundador xunto ao seu irmán Ricardo da empresa Toma Goma Surfboards que hoxe capitanea este último en solitario. Unha firma pioneira neste sector en Galicia e hoxe punteira en toda España, mantendo en Valdoviño o seu taller artesanal. Así, a partir deste venres poderá visitarse na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura ata o 30 de xullo, con entrada gratuíta. Mércores e xoves de 10:00 a 14:00 h; venres e sábado de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 h, e domingos de 10:00 a 14:00 h.
Ademais, programaranse 2 visitas guiadas polos irmáns Veiga, o sábado 16 e o sábado 23, as dúas ás 12:00 horas e con inscrición previa no correo oceanosurfmuseo@gmail.com ou teléfono 690 14 91 98.
Finalmente, o sábado 30 de xullo, ás 12:00 h, celebrarase unha mesa redonda coa participación de destacados shapers como Vito Fernández (Crest), Rufino Tizón (Rufo´s Surfboards) e os propios Ricardo e Luis Veiga. Estará moderada por Jesús Busto, presidente do Océano Surf Club e a entrada será libre.