O Océano Surf Museo estrea sinalización

O Concello vén de instalar nova sinalización para favorecer a chegada ás instalacións e reforzar a promoción dun centro único en España

Facilitar a chegada ao museo e contribuír a dar a coñecelo é o obxectivo da nova sinalización do Océano Surf Museo instalada nas últimas semanas polo Concello. A sinaléctica, moi visual e identificativa, sitúase en puntos estratéxicos como a rotonda de Robles, a Porta do Sol, A Frouxeira, e estrada a Cedeira (nas inmediacións do museo e á altura do vial de baixada á praia de Pantín).

Con esta iniciativa, o Concello quere reforzar a difusión dunhas instalacións únicas en España, tanto entre as persoas que visitan Valdoviño como entre os seus propios veciños e veciñas. Unha acción que se suma a outras como a recente colocación dos totems informativos na Porta do Sol e no exterior da Casa da Cultura, onde se atopa o Museo, así como outras en redes sociais (como a recuperación de actividade no Twitter, o aumento de comunicación en Instagram, a creación do novo perfil do Museo en LinkedIn… ), o empego de Google Pages ou a inclusión en plataformas como TripAdvisor.