O Océano Surf Museo estrea no seu terceiro aniversario “Pantoque vía 2/ Surfin’ Valdoviño”

Esta exposición temporal e multidisciplinar, promovida no marco do proxecto Pasaporte REMA, inaugúrase o 1 de decembro

O Océano Surf Museo presenta o martes, 1 de decembro, ás 19:30 horas, coincidindo co terceiro aniversario das instalacións, unha exposición que, a través de disciplinas como o debuxo, a escultura, a fotografía ou o vídeo, percorre o traballo realizado nun estaleiro. Trátase da mostra “Pantoque vía 2/ Surfin’ Valdoviño”, unha obra do artista plástico Ramón Trigo e do fotógrafo Eduardo Armada.

Este é un proxecto creativo e de investigación realizado no interior das instalacións dos Estaleiros Armada, de Vigo. Durante un ano os artistas conviviron cos traballadores para poder plasmar a actividade do seu día a día, pero tamén para reflectir o espazo arquitectónico do estaleiro.

Tras unha presentación inicial no propio estaleiro, a exposición “Pantoque” iniciou unha nova singladura pola costa atlántica galega. E neste percorrido recala en Valdoviño, a onde chega da man da Rede de Museos Atlánticos (REMA), da que forma parte o museo valdoviñés, e do propio Concello.

Durante o acto de inauguración, ao que só poderán asistir persoas con invitación, o artista Ramón Trigo realizará en vivo un mural para o Océano Surf Museo.

PASAPORTE REMA

A mostra, que os veciños e visitantes de Valdoviño poderán visitar durante todo o mes de decembro, é a segunda das oito exposicións temporais que inclúe o Pasaporte REMA, un proxecto financiado polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP), que busca desenvolver unha actividade turística creativa e adaptada á nova realidade. Para iso, aposta pola utilización das TIC como canle para a información, aprendizaxe e formación dos visitantes e para a promoción da oferta cultural dispoñible nos distintos museos da rede.

No marco do proxecto deseñaranse novos contidos culturais incluídos dentro da Rede REMA e difundiranse a través de seminarios e exposicións itinerantes.