O Océano Surf Museo de Valdoviño busca á súa nova mascota
No concurso están chamados a participar alumnos e alumnas do CPI Atios e das escolas unitarias do municipio
O Concello de Valdoviño anima ao alumnado do CPI Atios e das escolas unitarias do CRA O Esquío –de todos os cursos e idades- a participar no concurso de debuxo organizado polo Océano Surf Museo coa idea de seleccionar a súa Mascota do Ano, unha imaxe que o representará neste 2021. O prazo de presentación de traballos concluirá o 28 de febreiro. Tomará así o relevo da fermosa balea ideada pola pequena veciña Valentina Pena Bustabad, gañadora na edición pasada.
Este ano, a temática será «Surf e Medio Ambiente», e a técnica libre: lapis, cera, rotulador, témpera, óleo… Así, débese escribir o título pola parte de atrás –en ningún caso poñer o nome do/a autor/a na cara dianteira- e introducilo nun sobre pechado cos seguintes datos: título do deseño, nome e apelidos, curso e idade e número de teléfono do pai, nai ou titor legal. Debido ás restricións da covid, os traballos deben depositarse na caixa de correo do Museo -na entrada da Casa da Cultura-.
O xurado, que comunicará a súa decisión antes do 21 de marzo, valorará a orixinalidade, creatividade, imaxinación e adecuación ao tema proposto, e o/a artista gañador/a recibirá un agasallo.
Con este convite, o Concello de Valdoviño achégase unha vez máis á comunidade escolar na procura de inspiración e participación. Asemade, a temática escollida este ano, “Surf e Medio Ambiente”, amósase como nexo de unión entre a responsabilidade, a concienciación e a necesidade de coidar a nosa contorna, o mundo que nos rodea, tendo en conta como exemplo más próximo a riqueza natural coa que conta o propio concello.