O Océano Surf Museo busca a súa mascota
O Concello reedita o concurso de debuxo entre a comunidade escolar para elixir a mascota representativa do museo ao longo deste 2022
Valdoviño, 1 de febreiro de 2022. Por terceiro ano consecutivo e co fin de fomentar a creación artística e a participación e colaboración da comunidade escolar nas actividades que promove o Concello de Valdoviño, o Océano Surf Museo invita aos rapaces e rapazas a presentar os seus debuxos para elixir á Mascota representativa do Museo durante o ano 2022. O prazo ábrese hoxe, ata o día 28 de febreiro, e o certame vai dirixido a alumnos e alumnas de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato. O traballo seleccionado tomará o relevo da lagarta Xosefina, obra da estudante valdoviñesa Almudena Rodríguez Pego.
A temática dos debuxos será «A fauna de Valdoviño tamén surfea», e o/a protagonista das creacións deberá ser unha das especies (acuática ou non) que podemos atopar no noso concello.
Os traballos deberán ser inéditos, orixinais e poderán empregar técnica libre (lapis, cera, rotulador, témpera, óleo…), sempre e cando o deseño permita a reproducción da imaxe por medios dixitais e en diferentes tamaños. O soporte empregado será unha cartolina blanca de tamaño A4, e cada participante poderá presentar un único debuxo.
Os traballos entregaranse no Océano Surf Museo, en horario de apertura, na caixa do correo situada no exterior do museo ou por correo postal ao enderezo Gándara de Abaixo , 30 Valdoviño 15552 A Coruña. Irán identificados unicamente pola parte de atrás co nome do deseño (sen nome nin apelidos) e acompañados por un sobre pechado no que se farán constar os seguintes datos: título do deseño, nome e apelidos da persoa participante, curso e idade e número de teléfono do pai, nai ou titor/a legal.
As bases do certame poden consultarse na web municipal, a selección dos traballos realizarase en base á orixinalidade, creatividade, imaxinación e adecuación ao tema proposto, e o xurado dará a coñecer o seu veredicto antes do 20 de marzo.