O Océano Surf Museo amplía o prazo do concurso para elixir á súa mascota e ábreo á participación de toda a comunidade escolar

O traballo ganador será a imaxe do museo este ano

O Océano Surf Museo de Valdoviño busca á súa mascota para 2021 a través dun concurso entre os estudantes. Así, vén de abrir a participación a toda a comunidade escolar, en Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato e ampliar o prazo de presentación de traballos, que deben depositarse no buzón de entrada do museo ou enviarse a través de correo postal, ata o domingo 7 de marzo. 

A imaxe seleccionada representará ao museo neste 2021. Este ano, a temática será «Surf e Medio Ambiente», e a técnica libre: lapis, cera, rotulador, témpera, óleo… Así, débese escribir o título pola parte de atrás –en ningún caso poñer o nome do/a autor/a na cara dianteira- e introducilo nun sobre pechado cos seguintes datos: título do deseño, nome e apelidos, curso e idade e número de teléfono do pai, nai ou titor legal.

O xurado, que comunicará a súa decisión antes do 21 de marzo, valorará a orixinalidade, creatividade, imaxinación e adecuación ao tema proposto, e o/a artista gañador/a recibirá un agasallo.

Con este convite, o Concello de Valdoviño achégase unha vez máis á comunidade escolar na procura de inspiración e participación. Asemade, a temática escollida este ano, “Surf e Medio Ambiente”, amósase como nexo de unión entre a responsabilidade, a concienciación e a necesidade de coidar a nosa contorna, o mundo que nos rodea, tendo en conta como exemplo más próximo a riqueza natural coa que conta o propio concello.