O Océano Surf Museo amplía horarios de apertura de cara á Semana Santa
A partir da próxima semana as instalacións tamén abrirán as súas portas os venres e sábados polas tardes
Valdoviño, 29 de marzo do 2023. O Océano Surf Museo, o primeiro adicado a este deporte en España, ampliará os seus horarios de apertura e, a partir da próxima semana, abrirá as súas portas os mércores e xoves de 10:00 a 14:00 horas; os venres de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas, e os sábados de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas. Os novos horarios, que incorporan a apertura nas tardes de venres e sábados, entrarán en vigor coincidindo coa Semana Santa, unha época de especial afluencia de público.
Así, o Concello de Valdoviño anima a visitantes e veciños a visitar as instalacións e facer o percorrido, dende as súas mesmas orixes, pola historia do surf e os valores asociados. A entrada é de balde, co que non hai excusa para non marcar na axenda este plan.
O Océano Surf Museo está ubicado na primeira planta da Casa da Cultura. Unha gran galería acristalada aberta á praia da Frouxeira que se vale tamén da sala de exposicións do inmoble para impulsar mostras temporais e do auditorio, como escenario de ciclos de cine, festivais de música ou charlas e congresos. Conta con paneis informativos, audiovisuais, obxectos únicos e singulares e un espazo de realidade virtual.