O Océano Surf Museo acollerá unha xornada inmersiva sobre a riqueza dos fondos mariños
Celebrarase o 8 de novembro, promovida polo GALP A Mariña-Ortegal
Valdoviño, 30 de outubro do 2025. O Océano Surf Museo de Valdoviño será escenario o próximo sábado 8 de novembro dunha xornada do proxecto «Divulmar: A riqueza dos fondos mariños» do GALP A Mariña-Ortegal. O programa inclúe unha experiencia 360º coa que mergullarnos nos hábitats submarinos da zona a través da realidade virtual; a visita á exposición fotográfica «Océanos»; unha mostra didáctica sobre a biodiversidade local e a problemática dos residuos, e diversos obradoiros creativos, entre eles de pintura, para os máis pequenos e pequenas da casa. Celebraranse de 10 a 14 h e de 17 a 19 h, co que o Océano Surf Museo ampliará nesa xornada os horarios habituais de apertura, ofrecéndonos unha magnífica oportunidade para visitalo ou revisitalo.
Organizada pola empresa de turismo activo e de natureza Maremasma, a xornada, que se inaugurará oficialmente ás 11:30 h coa proxección dunha peza documental, busca difundir entre a cidadanía a riqueza dos nosos fondos mariños para, así, implicarnos máis activamente no seu coidado e preservación. Todas as actividades son de balde, e a participación na experiencia inmersiva, por orde de chegada.
