O Océano Surf Museo acolle este sábado un acto en lembranza e homenaxe ao fotógrafo e activista medio ambiental Carlos Caraglia
Aberto á veciñanza, e organizado por familiares e amigos co apoio do Concello de Valdoviño, dará comezo ás 9:30 horas
Valdoviño, 2 de xuño do 2023. O Océano Surf Museo acollerá mañá sábado un acto en lembranza e homenaxe ao explorador polar, fotógrafo, filmmaker e activista medio ambiental Carlos Caraglia. Organizado por familiares e amigos co apoio do Concello de Valdoviño cando se cumpre un ano dende o seu pasamento, con el queren rendir tributo á súa memoria, e convertelo nun acto anual no que estén moi presentes principios que el defendeu ao longo da súa vida como o compromiso co planeta e unha actitude optimista e constructiva fronte á vida. E facelo en Valdoviño, a terra da súa nenez e mocidade, onde recibiu o apodo de Bacalao polo seu contacto permanente coa auga, e onde exerceu durante anos como socorrista.
O acto de mañá comezará ás 9:30 horas cunha breve presentación e a intervención do alcalde, Alberto González, compañeiro nos anos de socorrista de Carlos Caraglia na Frouxeira. Continuará co bloque “Simplemente Carlos Caraglia”, coa proxeción dun vídeo dunha das súas charlas, “Ningún soño é imposible. Salvar o planeta tampouco”. De seguido abordarase a infancia e mocidade de Carlos, coa participación de familiares e amigos, e baixo o título “Rebelde con causa”. E sobre as 10:30 h, chegará o momento de ”Creando mundos con imaxes”, no que se falará da especial relación entre Carlos e a fotografía, un dos seus modos de transmitir as súas paixóns, un modo de vida e un modo de ensinar que paga a pena loitar polo planeta.
Tras un breve descanso, retomarase a homenaxe co bloque “Camiños que se cruzan”, que nos permitirá achegarnos á expedición ao campamento base do Everest en abril de 2019, e compartir as vivencias de Carlos con Matti Hemmi, Miguel Ángel Toledo e Dani de la Serna. De seguido, “Documentando o arte”, coa proxeción do documental “Loureiro”, de Carlos Caraglia, e “Pelexando pola vida”, co pase de “My last two years” e a intervención do doutor Francisco González-Llanos Fernández de Mesa.
Precedendo a clausura, presentarase o I Concurso de Fotografía “Memorial Carlos Caraglia”, incluíndo a entrega de premios por parte de Jesús García Flores e Montse González. E rematando o acto, sobre as 13:45 h, familiares e amigos de Carlos lembrarán a súa figura.
Comentarios