O Náutico Folixa abre inscrición nunha xornada de medioambiental con observación das dunas e ruta pola praia de Vilarrube

Premiará a participación cun bautismo de kaiak surf e waveski

Valdoviño,10 de marzo de 2023. No marco do plan de promoción do deporte en Valdoviño a través de actividades de carácter medio ambiental e social, o Club Náutico Folixa celebrará o vindeiro domingo 19 de marzo unha xornada de sensibilización ambiental na praia de Vilarrube. Recupera así unha actividade prevista inicialmente en 2022, que debeu de aprazarse polas adversas condicións meteorolóxicas nas datas previstas daquela.

A iniciativa, con punto de quedada no aparcadoiro do areal ás 11:00 horas, contemplará unha charla de 30 minutos sobre as dunas e a súa conservación ambiental, e unha ruta posterior duns 60 minutos pola zona con recollida de información a través de fotografías e notas. Así mesmo, aqueles que participen poderán acceder a un bautismo de kaiak surf e waveski dunha hora. Iso si, é preciso inscribirse previamente na xornada, a través do seguinte formulario (preme aquí), no teléfono 655 221 544 ou email nauticofolixa@gmail.com -sinalando nome, DNI, idade, teléfono e talla de neopreno-.