O monólogo “Jastac Japi Jolidays” de Leti da Taberna inaugura unha nova edición do ciclo de teatro profesional “Vén o Venres”
A función terá lugar ás 20:00 h no auditorio, con entrada gratuíta
Valdoviño, 6 de outubro do 2026. O Concello de Valdoviño pon en marcha unha nova edición do ciclo de teatro profesional “Vén o Venres”, que se celebrará os segundos venres de mes de aquí a fin de ano no auditorio da casa da cultura. A entrada é gratuíta, e a Concellería de Cultura volverá contar co apoio económico da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural. O programa inaugúrase este mesmo venres 9 de outubro, ás 20:00 horas, con “Jastac Japi Jolidays”, un monólogo de Leti da Taberna. A cómica galega regresa a Valdoviño para lanzar e contestar a unha morea de preguntas sobre como aproveitamos o noso tempo de lecer, se desfrutamos das vacacións ou as motivacións de cada quen para viaxar. Un espectáculo co que as risas están garantizadas.
Iria Pinheiro tomará o relevo o venres 13 de novembro con “Vitória, retrato dunha denuncia”. A peza de teatro autobiográfico narra o proceso xudicial ao que se someteu a actriz cando interpuxo unha denuncia por acoso sexual contra o director do programa de televisión no que traballaba. A peza reconstrúe a historia que vai desde 2017 a 2023, intercalando a documentación xudicial do proceso co xogo e a ironía características do cabaret.
E xa o venres 11 de decembro, a compañía Butacazero traerá a Valdoviño “Melón pelado”. Esta obra de títeres inclúese tamén nas actividades de recuperación da Memoria Democrática, e propón unha viaxe iniciática cara lugares da historia non escrita nin contada, nin moito menos fotografada, para reflexionar sobre o propio feito da memoria do atopado.
