O Meirasland regresará o 9 de agosto cun cartel de primeira, melloras na produción e unha experiencia máis completa para o público
Organización, Xunta e Concello presentaban a segunda edición do evento, tras reunir no seu primeiro ano a máis de 3.000 persoas
Valdoviño, 5 de xuño do 2025. Trala espectacular resposta do público na súa primeira edición, o festival de música electrónica Meirasland regresará ao calendario local o próximo 9 de agosto, e este mediodía a sala de exposicións temporais da casa da cultura acollía a rolda de prensa de presentación. Participaban nela a concelleira de Cultura e Turismo, Rosana García; Omar Ismaíl, codirector do festival xunto a Iván Freire; a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; e o alcalde, Alberto González. En representación do equipo organizador tamén asistía Rebeca López, responsable de comunicación do evento.
Todos eles coincidiron en destacar a proxección do festival, que na súa primeira edición reunía a máis de 3.000 persoas, convertindo así a Meirás nun novo punto de referencia para a música electrónica en Galicia. Nesta liña, concelleira e alcalde subliñaban o compromiso do Concello co Meirasland dende os seus inicios, valorando o impacto cultural, social e turístico do evento, así como o seu papel na dinamización do territorio. Pola súa banda, a representante da Xunta destacaba a incorporación do festival ao programa Concertos do Xacobeo, unha colaboración que reforza a súa proxección a nivel autonómico consolidándoo como unha cita de relevancia no calendario cultural galego.
Meirasland 2025 promete superar as expectativas cun cartel de artistas en expansión, melloras na produción e unha experiencia máis completa para o público. Entre os primeiros nomes confirmados destacan Alvama Ice, un dos referentes urbanos do momento con máis de 1,5 millóns de seguidores en TikTok, e Kike Varela, DJ compostelán cuxo tema “Micaela” xa ten superado a barreira dos 4 millóns de reproducións. Ademais da música, o festival ofrecerá foodtrucks, zonas de descanso e actividades paralelas pensadas para todos os públicos. “Aprendemos moito da primeira edición, e este ano imos a por todas”, afirmaba Ismaíl.
Meirasland 2025, co impulso do Concello de Valdoviño e o respaldo da Xunta de Galicia a través dos Concertos do Xacobeo, prepárase para facer historia de novo o vindeiro 9 de agosto en Meirás.
