O Meirasland regresa este sábado cun cartel de auténtico luxo e programación ampliada
Co apoio económico do Concello, contará con autobuses gratuítos para asistir dende diferentes puntos de Valdoviño Cedeira, Fene, Neda, Narón e Ferrol
Valdoviño, 4 de agosto do 2026. A casa do concello acollía esta mañá a presentación oficial do Meirasland coa presenza do alcalde, Alberto González; da concelleira de Turismo e Cultura, Rosana García, e máis Iván Freire, director do festival xunto a Omar Ismaíl. Consolidado xa como unha das grandes citas musicais do verán na comarca, celebrarase este sábado 8 de agosto, coa previsión de reunir a milleiros de persoas dispostas a desfrutar dunha xornada única, cun cartel que lidera Selecta e un certame con importantes novidades. Entre elas, e co apoio do Concello de Valdoviño, a gratuidade dos buses que facilitarán a chegada ao festival dende a Porta do Sol e outros puntos de Valdoviño, de Cedeira, Fene, Neda, Narón e Ferrol. Tamén, a colaboración con Filispín, o coñecido mercado de marcas emerxentes e deseño independente, que fará que a actividade comece xa ás 13:00 h, con entrada gratuíta a este espazo comercial e de ocio ata as 17:30 h. Unha sesión de tardeo, market e foodtrucks.
Ademais, un ano máis, o Meirasland contará con zona de acampada, compartida coa Baixada de Carrilanas, na contorna da capela de San Mamede -con aseos tamén facilitados polo Concello-.
No ámbito musical, o DJ e produtor Selecta encabeza o cartel, consolidado como un dos nomes imprescindibles da escena urbana nacional, con máis de 750.000 oíntes mensuais en Spotify e máis de 150 millóns de reproducións acumuladas. Produtor habitual de artistas como Natos e Waor, Israel B, JCReyes, Cruz Cafuné, Don Patricio ou Duki, Selecta chega a Meirasland tras pasar por algúns dos festivais máis importantes do país como Boombastic, Arenal Sound ou Madrid Salvaje.
DJ Rajobos & DJNev, dous artistas moi ligados á historia do festival, regresan tamén ao Meirasland para ledicia dos seguidores da música electrónica. DJ Charlie, Cris Orube, El Cejas, Telmo Brea, Sebas RDGZ, Brunokavi e New Beat completan o cartel.
As entradas están á venda xa online, pero tamén se poderán adquirir o mesmo día do festival en taquilla, ao prezo de 45 euros. Así mesmo, os negocios locais Muramar, Café Bar Marino e Cámping Fontesín teñen entradas á venda a un prezo especial de 35 euros.
Deste xeito, Meirasland 2026 afronta a súa edición máis ambiciosa ata a data coa mirada posta en batir o récord de asistencia do ano pasado.
