O Meirasland promete unha edición épica con máis artistas, actividades e experiencias
Alvama Ice lidera un cartel que busca consolidar o festival nun novo punto de referencia da música electrónica en Galicia
Valdoviño, 6 de agosto do 2025. O Meirasland promete superar as expectativas xeradas tras unha espectacular primeira edición, e esta fin de semana convida ao público a vivir o festival con máis artistas, novas actividades e melloras nas instalacións.
Ofrecerá de novo música electrónica de primeiro nivel con DJs top e novos talentos, e incorpora, entre outras novidades, o escenario móbil máis grande de España e un servizo de autobuses oficiais gratuítos de ida e volta dende diferentes puntos de Ferrolterra.
O festival, que se incorporaba este ano ao programa Concertos do Xacobeo, arrincará este sábado na contorna do Faro de Meirás —xunto ao campo de fútbol— xa ás 18:00 h, cun cartel integrado por Cobelo DJ, Elena Vázquez, Sebas RDZ, Hackel, Kike Varela, Sevi Sánchez, Groove Amigos, Alvama Ice, New Beat Order e Ángel Vázquez. DJs que están rompendo fronteiras con sons únicos, e artistas locais curtidos sobre o escenario. O obxectivo: converter a Meirás nun novo punto de referencia para a música electrónica en Galicia.
Ademais da música, o festival ofrecerá foodtrucks, zonas de descanso e actividades para todos os públicos durante a tarde. Grazas á colaboración da Baixada de Carrilanas de Valdoviño, ofrecerase aos asistentes do Meirasland a posibilidade de pernoctar na súa zona de acampada, unha experiencia única e divertida.
Meirasland 2025, co impulso do Concello de Valdoviño e o respaldo da Xunta de Galicia, afronta unha edición coa que facer historia este 9 de agosto en Meirás. Na web do festival podemos coñecer todas as novidades, horarios e actividades.
