O Mago Teto abre co espectáculo “Alquimia” a programación do Samaín en Valdoviño

As invitacións para asistir pódense retirar na Casa da Cultura entre hoxe e o xoves en horario de 11 a 14 horas

Valdoviño acollerá o vindeiro domingo pola tarde a representación do último espectáculo do Mago Teto. Trátase de “Alquimia”, unha proposta destinada ao público familiar, coa que o Concello dá o pistoletazo de saída á programación especial con motivo do Samaín 2020. As invitacións pódense retirar ata este xoves.

O popular ilusionista Héctor García, coñecido artisticamente como Mago Teto, achega ao auditorio da Casa da Cultura esta nova proposta na que aborda o universo dos alquimistas, «seres nómades que percorrían diversos lugares na busca da Pedra Filosofal, para así lograr a vida eterna”. Aínda que neste caso, “a alquimia representa a felicidade do mago e do público que goza das actuacións».

En “Alquimia”, programada para as 18 horas do domingo, “a auga, a terra, o lume e o aire farán posible esta nova andanza” do Mago Teto, un dos ilusionistas máis recoñecidos de Galicia, tras case 30 anos de carreira. O seu debut tiña lugar alá polo ano 1992.

As persoas que queiran asistir ao espectáculo poderán retirar as súas invitacións (un máximo de tres por persoa) desde hoxe luns e ata o xoves, en horario de 11 a 14 horas, na Casa da Cultura de Valdoviño. O show de maxia, pensado para maiores de 5 anos e cunha duración duns 50 minutos, chega ao municipio da man da Rede cultural da Deputación da Coruña.

Por motivos organizativos derivados da loita fronte á covid-19, desde a Concellería de Cultura recomendan chegar cun cuarto de hora de antelación ao comezo do show. E lembran ademais que haberá que gardar a distancia de seguridade interpersoal e que durante a función o público deberá permanecer en todo momento coas súas máscaras postas.

 

 

.