O Mago Antón presenta este mércores en Valdoviño o seus espectáculo “50”

A proposta inclúese no programa “Contares culturais nas festas de verán”

Valdoviño, 19 de agosto do 2025. A contorna do parque da Frouxeira acollerá este mércores o espectáculo “50 (1975-2025)” co que o Mago Antón, o máis célebre dos ilusionistas galegos, festexa o seu medio século sobre os escenarios. O “magomóbil” fará parada en Valdoviño, no marco do programa municipal “Contares culturais nas festas de verán”, con varios pases para sorprender e divertir a público de todas as idades.

O show reúne algúns dos seus mellores números e interpretacións, ademais de novas propostas, nas que, como sempre, o Mago Antón explora os límites do imposible. Así, “50”, que xorde como a culminación de toda unha carreira de éxito e comezo dunha nova etapa.

Apuntan dende o departamento de Cultura que, ao longo de toda a xornada programaranse un total de catro funcións, cunha duración aproximada de unha hora e aptas para todos os públicos. Terán lugar ás 13:00, ás 17:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas e, para poder asistir, as persoas interesadas só terán achegarse ao “magomobil” co que está a percorrer os concellos galegos un pouco antes do arranque do espectáculo e poñerse á cola.

A actividade, que chegará ao noso municipio co apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña, será completamente de balde, e contará, dada a limitación espacial, con prazas limitadas.