O local social de Loira volverá a converterse en escenario das clases do Taller de Artes Plásticas que impulsa o Concello de Valdoviño
O pintor Manuel Carballeira guiará as sesións, para as que se abre prazo de inscrición hoxe, ata o vindeiro día 30 de setembro
Valdoviño, 19 de setembro do 2023. A partir de hoxe e ata o 30 de setembro o Concello de Valdoviño abre o prazo para anotarse no Taller de Artes Plásticas que celebrará entre os meses de outubro e xuño no local social de Loira. Un programa que botaba a andar en 2021 dirixido a nenos e nenas de 6 anos en adiante e persoas adultas que, edición tras edición, suma inscricións. O pintor Manuel Carballeira volverá a encargarse de guiar as sesións, que se celebrarán os martes en horario de tarde e cunha duración de 2 horas.
As prazas son limitadas, e o custe da actividade mantense respecto ao pasado ano: 22,12 euros/mes para menores de idade, e 29,49 euros/mes para maiores de idade. A inscrición pode realizarse online, a través da sede electrónica, e ata o 30 de setembro, ou presencialmente na casa da cultura ata o 22 de setembro ou do 26 ao 29 do mesmo mes en horario de 10:00 a 14:00 horas.