O LagoFest regresa este sábado máis rockeiro que nunca e cun cartel de luxo

O Concello de Valdoviño colabora coa cita a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña, coa actuación da prestixiosa banda EXIT

Valdoviño, 17 de xullo do 2024. Regresa o LagoFest a Valdoviño. O festival que organiza a ACR de Veciños de Lago alcanzará a súa terceira edición este ano, cun cartel de auténtico luxo do que o Concello participa a través da rede cultural da Deputación coa actuación da afamada banda EXIT. Xunto a eles, subiranse ao escenario as formacións Recambios Tucho, Keepers, Juego Sucio e La Indirigible. Na antesala das festas patronais, a cita celebrarase este sábado 20 de xullo no parque de Lago, a partir das 20:30 horas e ata ben entrada a madrugada.

Bowie, Kiss, AC/DC, Rolling Stones, Ramones, Led Zeppelin, Hendrix… son só agúns dos artistas que EXIT leva ao escenario nas súas actuacións. A formación actual está integrada por Ton Eirín (voz principal, guitarra e armónica), JC Nogueira (guitarra), Marcos Pazo (batería) e Javi Vaamonde (baixo e voces).

O seu repertorio está plagado de clásicos da historia do rock de diferentes décadas, todos eles himnos que transportan ao público ás mellores épocas das grandes bandas rockeiras. O seu son, puro e refinado, tennos convertido nunha das mellores e máis reputadas cover bands da actualidade, feito que vén avalado pola fidelidade do seu público.