O Laboratorio de Apoderamento LGBT+ arrinca as formacións para docentes e familias en materia de diversidade sexual
Con participación aberta e inscrición previa, a primeira sesión en Valdoviño celebrarase o 6 de novembro ás 17:00 h no CPI Atios
Valdoviño, 30 de outubro do 2024. Tras o comezo en outubro do traballo nas aulas con mocidade, nestas semanas o Laboratorio de Apoderamento LGBT+ iniciará as formacións sobre diversidade sexual con docentes e familias. O LAB é unha iniciativa da cooperativa Rexenerando financiada pola Deputación da Coruña, que traballa en rede con seis concellos da comarca: Fene, Ferrol, Narón, Neda, San Sadurniño e Valdoviño.
O LAB parte da consciencia da necesidade de abordar dun xeito integral a educación en materia de diversidade sexual, incorporando no proceso de reflexión a axentes adultos con responsabilidade na comunidade educativa. Por iso, promóvese un obradoiro de 2 sesións nos centros participantes, onde o tema principal será como acompañar a mocidade neste tema. En Valdoviño, a primeira celebrarase o mércores 6 de novembro, ás 17:00 h, e está aberta a calquera persoa adulta interesada, tanto se son familiares do estudantado do CPI Atios que participa no programa, como doutros niveis do centro, ou doutros centros do concello. A actividade é de balde e as prazas son limitadas. As inscricións poden facerse ata o 5 de novembro no formulario i.gal/LAB_LGBT_ADULTAS.
Cada sesión ten unha duración de 2h. Na primeira faise un breve marco do que é a diversidade sexual, e na segunda, partindo da información obtida co traballo coa mocidade do centro, afóndase en como acompañar á mocidade.
