O Jazz de Ría chega este luns a Valdoviño cunha ruta chea de música pola costa de Pantín e o concerto de Nastasia Zürcher

O festival conquista novos espacios para promocionar entre o público este estilo musical

Valdoviño, 19 de agosto do 2023.O Jazz de Ría pechará mañá a súa sétima edición sumando á familia do festival a Valdoviño cunha programación integrada por unha ruta con dúas actuacións e un gran concerto final pensados para os impresionantes escenarios naturais deste tramo final do Atlántico galego, que será unha vez máis o cabeza de cartel.

A programación desta última xornada comezará pola tarde coa ruta dos ‘Balcóns ao Atlántico’ que percorrerá a partir das sete da tarde o tramo de costa comprendido entre A Veiga (Pantín) e a Praia do Baleo con dúas paradas musicais a cargo de dous grandes valores da comarca: no miradoiro de San Xiao atoparemos ao saxofonista Fausto Escrigas; e no miradoiro do Oural estará agardando a enerxía da batería Lorena Cachito.

A camiñada finalizará na Praia do Baleo onde sobre as 21:30 horas terá lugar o concerto no que a vocalista e compositora galego-suíza Nastasia Zürcher despregará a súa colorista e enérxica proposta “But life is beauty full”, un concerto ecléctico e emocionante neste fin de festa que percorrerá un mundo de sonoridades e linguas diversas, como o propio festival.

A directora do Jazz de Ría, Aitana Cuétara, apunta que a incorporación de Valdoviño responde “á vocación que ten este festival de ampliar territorio e público para achegar a música jazz ás veciñas e veciños da comarca con propostas capaces de facer gozar a amantes do xénero e tamén a persoas que se achegan a este tipo de música por primeira vez”.