O IV Concurso de Decoración de Nadal do Concello de Valdoviño xa ten gañadores
O xurado profesional proclamaba vencedores do certame á Asociación de Veciños de Porto do Cabo (conxunto paisaxístico), Victoria Hermida (xardíns e peches), Verónica Guillén (balcóns, portas, fiestras e fachadas) e Despeluxada (tecido empresarial)
Valdoviño, 27 de decembro do 2024. O IV Concurso de Decoración de Nadal organizado polo Concello de Valdoviño xa ten gañadores e gañadoras. Trala votación popular en Facebook e Instagram, na que o centro de estética Bea Cobelo era o favorito nas dúas redes sociais, o xurado profesional realizaba esta semana o percorrido para valorar as 19 propostas presentadas nas diferentes categorías. Estivo integrado pola concelleira de Cultura, Rosana García; o edil de Servizos, Benito Vega, e o pintor Manuel Carballeira, e tras as deliberacións oportunas, este foi o seu veredicto:
-Tecido empresarial
1º) Despeluxada
2º) Carnicería do DIA Valdoviño
-Modalidade veciñal
-Conxunto paisaxístico e fachadas comunitarias:
1º) Asociación de Veciños de Porto do Cabo
2º) ANPA Beiramar do CPI Atios
-Xardíns e peches exteriores
1º) Victoria Hermida
2º) Carlos Grandal
-Balcóns, portas, fiestras e fachadas
1º) Verónica Guillén Losada
2º) Irene Casal Castro
Nesta edición, o xurado decidiu conceder un segundo premio en todas as categorías unha vez que nunha das modalidades non se presentaron propostas, repartindo así a totalidade dos fondos asignados. A entrega de premios celebrarase este sábado 28 de decembro, no transcurso da actuación de «Blues do País» prevista para as seis da tarde na contorna do parque da Frouxeira.
Votación en redes
Este ano, a veciñanza puido elixir as súas propostas favoritas no tecido empresarial a través dunha votación en Facebook e Instagram. Nos dous casos, o Centro de Estética Bea Cobelo resultaba gañador. En FB, lograba 84 votos, que quedaron en 72 tras descartar os nulos (contas que votaron por máis dunha proposta en contra do establecido nas bases e comunicado ao longo do certame). A Carnicería do DIA Valdoviño ocupaba a segunda posición, con 81 votos, que quedaron en 65 tras descartar os nulos. E o terceiro posto foi para O Forno da Carreira, con 60 votos, que quedaron en 48 tras descartar os nulos. Completaron a lista Despeluxada, con 39 (que finalmente foron 26), Electroagro con 21 (quedaron finalmente en 10) e Goodlife, con 17 votos que quedaron en 6.
En IG, o Centro de estética Bea Cobelo colleitou 191 votos, que tras o reconto dos nulos, quedaron en 164. Tras el, Despeluxada, con 147, que quedaron en 122. En terceira posición, O Forno da Carreira, con 94, que quedaron en 81. E completaron o ránking a carnicería do DIA con 65, que quedaron en 42 ; Electroagro con 25, que quedaron en 13, e Goodlife con 17, que quedaron en 4. As votacións por parte das persoas interesadas poden consultarse nas oficinas da casa da cultura.