O II Torneo A Frouxeira Classic de rugby praia dispútase esta fin de semana en Valdoviño

O campeonato desenvolverase sábado e domingo, organizado pola Asociación Cultural e Deportiva Almallo Rugby co apoio do Concello

Valdoviño, 28 de xullo de 2022. O II Torneo A Frouxeira Classic de rugby praia disputarase esta fin de semana no areal valdoviñés. Organizado pola Asociación Cultural e Deportiva Almallo Rugby, o campionato forma parte das Series Españolas, de modo que os equipos gañadores na categoría masculina e feminina puntuarán na clasificación xeral, avanzando no camiño para proclamarse campións de España na modalidade de Rugby Praia 5 e asegurando o seu pase ao campionato de Europa. 

Mañá venres, ás 20 horas, celebrarase o sorteo de encontros, que tamén poderá seguirse vía streaming a través das redes sociais do clube. Así mesmo, as actividades de lecer complementarias á competición deportiva arrancarán cunha sesión musical a cargo de DJ Nash, que se prolongará ata a 1 da madrugada. 

O sábado a competición disputarase en horario de 16 a 21 horas. Ademais, haberá un Clínic sobre esta modalidade de rugby que REDE RUGBY impartirá pola mañá da man de Alberto Mera, mánager xeral, e Francisco Usero, director deportivo, xogador internacional e adestrador do CRAT da Coruña feminino -equipo que compite na liga Iberdrola, a máis alta categoría do rugby nacional-. No village, animación musical a partir das 21:30 horas. O domingo regresa a competición de 10 a 14 h, e sobre as 14,30 h, prevese a entrega de trofeos.