O II Campionato Chiquiprós RSM de Surf dá o salto ao circuíto nacional
Celebrarase na praia de Pantín do venres 20 ao domingo 22 de xuño, coa presenza das futuras promesas do surf nacional
Valdoviño, 17 de xuño do 2025. A praia de Pantín acollerá do venres 20 ao domingo 22 de xuño o II Campionato Chiquiprós RSM de Surf, unha das cinco probas do circuíto nacional e a única que se celebrará este ano en Galicia. RSM Club de Surf, co seu responsable á cabeza, Rubén Sanmartín, presentaba esta mañá a competición deportiva xunto ao alcalde de Valdoviño, Alberto González, e o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra. Facíanno no Océano Surf Museo, en compañía dunha ampla representación do club anfitrión e algúns dos seus deportistas máis destacados.
O campionato dá o salto ao circuíto nacional na súa segunda edición, e tras ser recoñecido como o mellor evento de surf en 2024 pola Federación Galega de Surf. A excelente organización e a resposta de deportistas e clubs situáronno na elite, posición que non pensan abandoar. Así, Sanmartín aseguraba que esperan a presenza das futuras promesas do surf nacional nas dúas categorías en disputa, a KIDS -sub 10 e sub 12- e Junior -da sub 14 á sub 18-. Proceden de comunidades como Asturias, Canarias, Cantabria, Euskadi, Andalucía, Murcia e, como non, Galicia. E avanzaba algúns nomes confirmados: Iván Casanova, Carla Morera, Eloy Valle, Mateo Vázquez, Gael Ribera, Martina Pertegaz ou Carla Méndez. Nas quinielas tamén figuran os propios deportistas de RSM, que leva a honra ser o club con máis integrantes na selección galega, ata cinco. Deportistas campións como Anita Piñón, Lucas Piñón, Lucas Casal, Mar Cid ou Xabi Robles, que de seguro, pelexarán por pódium.
Así é todo, as inscricións marchan a bo ritmo, rondando o centenar, e coa previsión de superar as 120 -o prazo finaliza este mércores-. Neste contexto, a organización agradecía o apoio clave da Federación Española de Surfing, do Concello de Valdoviño e dos veciños e veciñas de Pantín, sen os que sería imposible celebrar o campionato. Tamén a colaboración e patrocinio de negocios locais e firmas, volcadas co evento.
Pola súa banda, o alcalde reivindicaba a aposta do club pola canteira, o auténtico futuro deste deporte, e poñía en valor o potencial do evento como dinamizador turístico da localidade, favorecendo a chegada de deportistas e das súas familias dende practicamente toda a xeografía estatal, cos consecuentes efectos positivos sobre o sector servizos. Un evento que, engadía, profundiza no valor da nosa industria máis potente, como é o mar.
CONCERTO ACÚSTICO
Xunto á competición, o público poderá desfrutar en Pantín doutras actividades complementarias. Entre elas, o concerto acústico do vocalista Mañu o sábado a partir das 20:00 horas. Incluído na programación deseñada pola Concellería de Cultura, o músico ofrecerá un recital repleto de clásicos do pop e rock nacional, no que non faltarán as versións dos temas máis coñecidos de artistas e grupos como Mclan, Fito y Fitipaldis, Los Secretos, Tequila, Leiva ou Revólver.
Haberá tamén espazo para a artesanía, con diferentes postos de venda, especialmente con selo local, ou o sorteo dunha morea de premios a través da posta á venda de rifas.
TROFEOS
Sanmartín avanzaba tamén que os trofeos levarán a imaxe gañadora do concurso escolar de debuxo que RSM Club de Surf organizou nas aulas do CPI Atios. A moza Alicia Villarnovo asina a obra estampada nos galardóns.
PATROCINADORES
Entre os patrocinadores do campionato atópanse: Hurley, Pro Surfboards, Riobó SAT, Rovil Studio, Óptica 826, Yow, DIA Valdoviño, Ártico, Gonorthy, Sex Wax, Churrería La Patrona, RSM Green Surf House, Las Olas By Pantín, Hippy Cream e Drop In.
