O grupo de teatro da ASCM trae a Aviño a súa última produción: “Disparatada Educación”

A función celebrarase este sábado 23 de maio ás 18:00 h

Valdoviño, 19 de maio do 2026. O grupo de teatro da ASCM representará en Valdoviño a súa última produción, “Disparatada Educación”. Trátase dunha obra que mistura humor, crítica social e valores inclusivos cun dobre obxectivo: concienciar e brindar á cidadanía bos momentos a través das artes escénicas. Neste obxectivo, conta coa Asociación de Veciños de San Miguel e co Concello de Valdoviño como aliados, e o local social de Aviño converterase este sábado no escenario onde a compañía represente o espectáculo a partir das 18:00 h, con entrada de balde e libre ata completar aforo.

O grupo de teatro da ASCM pechará así en Aviño unha mini xira que comezaba a finais de abril en Narón e continuaba a mediados de maio na Coruña. Dada a boa resposta do público, de seguro que amplían datas e escenarios.