O grupo de baile de Lago celebra o seu 40º aniversario cun Encontro Folclórico

Celebrarase este sábado a partir das 18 horas na Casa da Cultura, e continuará no local social de Lago ás 21 h cunha foliada

Valdoviño, 9 de setembro do 2022. O grupo de baile Álvaro Cunqueiro de Lago cumpre, nada máis e nada menos, que 40 anos, e para celebralo, este sábado 10 de setembro organiza un Encontro Folclórico a partir das 18 horas na Casa da Cultura. Nel, tomarán parte a Asociación Cultural Buxainas de Cedeira; a Asociación Cultural Brisas do Quenllo de Tordoia, e a Agrupación Folclórica Álvaro Cunqueiro. Así mesmo, a partir das 21 horas, a celebración trasladarase ó local social de Lago, onde continuará cunha Foliada coas cantareiras de Buxainas, Ponte o rejo e o grupo de gaitas de San Sadurniño.  

O grupo de baile preséntase oficialmente en xullo de 1982, nun acto ó que acoden, entre outras personalidades, José Cunqueiro, irmán de Álvaro Cunqueiro, do que a formación toma o seu nome. Culminan así un ano de traballo, xa que é en outubro de 1981 cando a Asociación de Veciños Santiago Apóstol pon en funcionamento a escola de baile galego, xerme do grupo. Nese momento, baixo a dirección coreográfica de María del Carmen López Martínez, José Martínez e María del Carmen Martínez, antigos integrantes do Real Coro Toxos e Froles. Precisamente, desta insigne institución tamén procede o recoñecido José Gómez Amado, gaiteiro que tutela nese mesmo 1982 o nacemento da escola de gaitas de Lago. Agrupación que anos máis tarde contaría coa profesora Isabel Lorente, á súa vez tamén docente no Toxos, e dende 2005 e ata a actualidade, co prestixioso gaiteiro Marcos García Martínez. 

Dende entón, as actuacións non cesan, e incluso o mesmo ano da súa constitución, o grupo de baile recibe dous primeiros premios e un terceiro no II Festival de Danzas de Pontedeume e un primeiro premio á orixinalidade e a execución de danzas na I Xornada de Baile Galego da asociación Chorima de San Juan. Ó longo da súa traxectoria, ten actuado en festivais por toda Galicia, e tamén de fóra da Comunidade, e mesmo en programas televisivos como “Aturuxo” e “Luar”. 

Así mesmo, no ano 2000 comeza a súa andadura a sección de cantareiras-pandereteiras, baixo a dirección de Maite López, recoñecida pandereteira da zona.

Ó frente do grupo de baile estivo tamén, durante anos, Marta Pérez -antiga integrante de Brincadeira-, e hai uns anos tomaba o relevo Daniel Picos, director actual do grupo.