O Grupo Bazán inaugura este venres en Valdoviño a mostra de fotografía “Xeitos”

O acto terá lugar na casa da cultura ás 19:30 horas

Valdoviño, 5 de outubro do 2022. A mostra “Xeitos”, da sección de Fotografía do Grupo Bazán, chega este venres a Valdoviño. Con entrada libre, o acto de inauguración celebrarase a partir das 19:30 horas na sala de exposicións da casa da cultura, e a partir de entón poderá visitarse de luns a domingos de 11:00 a 13:00 h e as tardes dos sábados e domingos de 17:00 a 19:00 horas. Ata o día 31 deste mes.

A mostra está integrada por 34 fotografías de 17 autores, e expresa os seus diferentes estilos e miradas, amosando a pluralidade do grupo. Son:  Alejandro Martínez, Antonio Carrete, Bea Rodríguez, Carlos Cruz, Chus Villamar, David Souto, Fer Cendán, Fran Suárez, Gelis López, José Amigo, Luis Losada, Luz González, Marcos García, Miguel Llano, Mónica Lorenzo, Pablo Mauriz e Pepe Botella.

O Grupo Bazán é unha entidade con máis de catro décadas de historia a favor da promoción do deporte e a cultura. No ano 1994 naceu a sección de Fotografía, xuntando a persoas con inquedanzas fotográficas para compartir a súa paixón.

Ao longo destes anos, o grupo segue a medrar levando a cabo diversas actividades coma debates, cursos, viaxes, quedadas, exposicións… formando a moitas persoas e difundindo a cultura fotográfica na comarca de Ferrolterra.