O Fútbol Sala Valdoviño abre inscricións nas súas xornadas de tecnificación para nenos e nenas a partir de 8 anos e mozos e mozas de ata 16
Co apoio do Concello, celebraranse os mércores no pavillón municipal
Valdoviño, 24 de setembro do 2026. O Fútbol Sala Valdoviño, coa colaboración do Concello, promoverá durante toda a tempada sesións de tecnificación no pavillón municipal O Longoiro, en Meirás. Arrincan xa en outubro, e están dirixidas a nenas e nenos dende os 8 anos ata rapazada de 16.
Os adestramentos están pensados para todos os niveis, dende iniciación a perfeccionamento, e a formación axustarase ao nivel de cada xogador e xogadora. As xornadas celebraranse os mércores, inicialmente en dous grupos segundo a idade: de 18:00 a 19:00 horas coa participación de cativos e cativas de 8 a 11 anos, e de 19:00 a 20:00 horas, para mozos e mozas de 12 a 16 anos.
O club local vén de abrir inscricións nesta actividade coa que inaugura a tempada, e para formalizar o trámite as persoas interesadas poden contactar a través do número de teléfono 630 427 556 ou email futbolsalavaldovino@gmail.com. O custe mensual é de 30 euros, e inclúe a equipación necesaria e un agasallo de benvida.
