O fotógrafo Carlos Muiños Ameneiro inaugura en Valdoviño a súa exposición de retratos “Disparando con mis ojos”
Poderá visitarse na casa da cultura, con entrada libre, ata o 6 de abril
Valdoviño, 11 de marzo do 2025. O fotógrafo Carlos Muiños Ameneiro inaugura en Valdoviño a súa exposición «Disparando con mis ojos». A partir de hoxe, e ata o 6 de abril, poderá visitarse na casa da cultura, de luns a venres de 11:00 a 14:00 horas, e venres, sábado e domingo de 18:00 a 20:00 horas. O proxecto do artista ferrolán, tamén videógrafo e deseñador gráfico freelance, busca achegar ao espectador a súa visión persoal sobre a influencia das redes sociais na fotografía de retrato cunha mostra que inclúe 25 espectaculares fotografías en branco e negro.
Mulleres principalmente -e tamén algún que outro home- son os protagonistas absolutos das imaxes, tomadas entre 2017 e 2022. Un universo de persoas que, compartindo en espazo e tempo un mesmo contexto, dan conta da diversidade da nosa sociedade.
Técnico especialista de iluminación en artes escénicas, os comezos na fotografía de Carlos Muiños baséanse nunha aprendizaxe autodidacta, un camiño que amplía cunha ampla formación e unha morea de experiencias na maleta tras a súa búsqueda de diferentes paisaxes urbanas e naturais dentro e fóra de España. Unha creación que ten exposto en diferentes salas de Galicia e mesmo en Perú, formando parte da mostra colectiva «Fotógrafos por el Mundo» organizada no Museo de Arte Contemporáneo de Cuzco. Agora, e ata primeiros de abril, o público poderá achegarse aos seus persoais retratos en Valdoviño.
