O Foro Literario de Valdoviño, que guiará Antón Cortizas, será punto de encontro entre os lectores e os autores galegos
Aberto o prazo de inscrición neste novo e novidoso proxecto cultural que se estenderá ata decembro coa Biblioteca Municipal como epicentro
Valdoviño, 11 de marzo de 2022. A Biblioteca Municipal de Valdoviño acolleu onte á tarde a presentación dun novo e novidoso proxecto cultural: o Foro Literario de Valdoviño. O escritor Antón Cortizas será o encargado de guialo ao longo de todo o ano cuns obxectivos moi precisos dos que daba conta, e que se propón conseguir a través de encontros bimensuais nos que tamén tomarán parte os autores das obras que se abordarán nas sesións. A inscrición está aberta na Casa da Cultura (teléfono 981 48 76 66) e a participación é gratuíta.
Entre eses obxectivos está achegar a literatura galega ó público e analizar as obras dos nosos escritores coetáneos porque, tal e como sinalaba, non é preciso ir a París ou Londres para atopar grandes obras. Con territorios como o noso e paisaxes como A Frouxeira sobra a inspiración, engadía.
Ademais, Cortizas avanzou que se practicará o intercambio das sensacións lectoras, posto que cada historia muda segundo quen a le, e aí afondará nos encontros. Sempre, ou na medida do posible, co papel por diante, xa que neste foro os ebooks teñen a batalla perdida. Tamén puxo deberes aos primeiros participantes, encargándoos de traer a outras 3 persoas cada un deles/as. Deste xeito, contribuirase tamén ó uso da Biblioteca, avanzando nese obxectivo de convertela no corazón do Concello e, finalmente, lanzaba o reto de animar ás persoas participantes a escribir algo ao longo dos próximos meses.
Onte a sesión non se limitaba á presentación do proxecto e xa comezaba a intervención directa coas obras. A primeira, Anatomía da Lingua, un libro de poesía que asina o propio Antón Cortizas.