O festival Jazz de Ría pon o seu broche de ouro esta noite na praia do Baleo

A programación da última xornada do certame arrinca esta martes ás 19 horas coa ruta “Balcóns do Atlántico”

Valdoviño, 20 de agosto do 2024. O festival Jazz de Ría pecha esta tarde a súa oitava edición replicando a espectacular fórmula que o ano pasado levara a Valdoviño por primeira vez: un fantástico programa pensado para camiñar o territorio gozando da música e das lendas, totalmente pensado e integrado nos impresionantes escenarios naturais deste tramo final do Atlántico galego, que será unha vez máis o cabeza de cartel.

A programación desta última xornada comezará ás sete da tarde coa ruta ‘Balcóns ao Atlántico’ que percorrerá o tramo de costa comprendido entre praia de Pantín e a do Baleo con dúas paradas: a primeira será unha intervención musical do xove e brillante saxofonista coruñés Lois Rivera, e a segunda estará protagonizada polas lendas que contará o escritor Antón Cortizas.

A ruta finalizará na praia do Baleo onde sobre as 21:00 se celebrá o concerto de Leticia Rey, que despregará sobre o lenzo da costa de Valdoviño a súa proposta luminosa e mística, a camiño entre o mundo dos soños e o mundo que chamamos real, con melodías inspiradoras e moi persoais que conectan co sentir máis profundo do público. O seu primeiro disco de longa duración, “LuX”, achega as sonoridades do jazz ás do indie folk, creando un espazo no que consigue poñer en primeiro plano a súa delicadísima voz. No escenario do Baleo, estará acompañada nos teclados por Iago Mourinho, pianista habitual dos proxectos máis interesantes do jazz galego.

Loxística para participar no roteiro
A participación é aberta e gratuita. O punto de encontro será a caseta de socorrismo da praia de Pantín e a actividade terá unha duración aproximada de unha hora. A ruta non é circular. A volta a pé desde Baleo a Pantín pola pista é de aproximadamente 15 minutos. O itinerario é moi sinxelo, pero polas características do camiño, non está recomendado para persoas con mobilidade reducida. Tampouco para carriños de bebé, no caso de acudir con crianzas que non camiñen, o festival recomenda portear.

O Jazz de Ría continúa fiel ao seu obxectivo de converter a costa ártabra nun territorio de referencia dentro do mapa dos festivais de jazz, cunha proposta na que se funden música e identidade, desde os principios da sostibilidade e a responsabilidade coa contorna natural e social.

O Jazz de Ría está organizado por Luneda Producións e promovido polo Padroado da Cultura do Concello de Narón, o Concello de Neda, o Concello de Cedeira e o Concello de Valdoviño, coa colaboración da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural, da Xunta de Galicia a través de Cultura no Camiño, da AIE (Sociedad de Artistas, intérpretes o Ejecutantes de España), e Ecoembes.