O Festival Internacional de Entes Animados traerá a Valdoviño os espectáculos “O urso que nâo era” e “O Cabaleiro sen Cabalo”
Ofrecerá 21 funcións do 19 ao 28 de setembro en oito municipios da zona
Valdoviño, 16 de setembro do 2025. Valdoviño participa un ano máis no Festival Internacional de Entes Animados. Un proxecto cultural en colaboración cos concellos de Ares, Fene, Ferrol, Narón, Miño, Mugardos e Neda que nesta edición ofrecerá 21 funcións do 19 ao 28 de setembro, con entrada libre e de balde. Esta mañá presentábase o cartel e programación da cita coa asistencia do seu director Plamen Dipchikov, e representantes dos municipios coorganizadores, entre os que se atopaba a concelleira de Cultura de Valdoviño, Tamara Sabín.
O Festival Internacional de Entes Animados chegará ao noso municipio o venres 26, cun espectáculo para o alumnado do CPI Atios, “O urso que nâo era”, da compañía portuguesa de Márcia Leite, e unha segunda proposta aberta a todo o público o domingo 28: “O Cabaleiro sen Cabalo”, da compañía arxentina Pizzicatto. Será neste caso na Porta do Sol, na zona do feirón, ás 12:30 h, e coincidindo co mercadillo.
Consulta toda a PROGRAMACIÓN.
