O Festival internacional de entes animados ofrecerá na súa oitava edición unha vintena de funcións en sete concellos de Ferrolterra e máis en Miño

O certame contará con compañías de sete nacionalidades

Valdoviño, 11 de setembro do 2026. Volve o Festival internacional de entes animados. O certame itinerante alcanza a súa oitava edición cun cartel variado e ecléctico, con compañías dos dous lados do Atlántico, e unha vintena de funcións distribuídas en sete localidades de Ferrolterra e máis en Miño. Onte dábase a coñecer na Casa da Cultura nedense a programación íntegra da cita cultural, que arrinca este sábado no Centro cívico de Canido, en Ferrol, e se prolongará ata o 27 de setembro.

O alcalde de Neda, Ángel Alvariño, anfitrión do encontro, e Plamen Dipchikov, director do certame presentaban oficialmente o certame, acompañados pola alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro; o concelleiro de Festas de Ferrol, Arán López; a edila de Promoción Económica de Fene, Ángeles Coira; as concelleiras de Cultura de Miño, Valdoviño e Neda, Catalina Morado, Tamara Sabín, e Marián Bello, respectivamente;  o presidente da Asociación veciñal de Canido, Roberto Taboada, e o secretario da Asociación cultural Apelón educación, Javier García. Escusou a súa ausencia a representante de Ares.

Sete compañías procedentes de Reino Unido, Dinamarca, Portugal, Brasil, Arxentina e Galicia presentarán un total de sete propostas de marionetas, de títeres de man e de mesa, teatro de obxectos e sombras chinesas en diferentes escenarios da comarca, apostando claramente pola proximidade.

O alcalde de Neda subliñaba que, un ano máis, o esforzo compartido entre as distintas administracións locais e asociacións fai posible que saia adiante esta iniciativa cultural, que permitirá á veciñanza desfrutar de balde ao pé da casa de espectáculos de máxima calidade chegados de todo o mundo. Un aspecto no que incidían a rexedora de Narón e o edil ferrolán, e o representante da AVV Canido. A iniciativa, segundo apuntaba tanto Alvariño como as concelleiras de Fene, Valdoviño e Miño, “contribúe a diversificar a oferta de actividades de lecer e busca achegar ao público esta disciplina artística”.

Nesta liña, apuntaba Plamen Dipchikov que, entre as novidades desta edición, cómpre destacar que, por primeira vez, haberá un espectáculo destinado especificamente a adultos (“A rosa de papel”, da compañía galega Títeres Alakrán), demostrando que non son só é un xénero para nenos e nenas. “Se trata de ampliar el alcance y llegar a un público diferente”, subliñaba. Ademais, o festival volve apostar pola programación de montaxes para o público escolar, convertendo así aos nenos e nenas en prescritores.

Tamén por primeira vez, e a petición dos concellos, regresan, con novos espectáculos, compañías que deixaron unha pegada especial no seu anterior paso polo certame. Así, a oitava edición do Festival de Entes animados volverá contar con Historioscopio (Portugal) que, desta volta presenta “A Galinha dos Pitinhos de Ouro”; Drew Colby (Reino Unido), que trae “¿Quen é o señor Sombra?”; o dinamarqués Alex Barti; e a compañía brasileira Heliodora, de Fabio Superbi, con “Barbacena”.

Con todo, o certame non renuncia ao seu habitual empeño por descubrir novos artistas e propostas, como a de sombras chinesas e obxectos de Valeria Guglietti (Arxentina) que chega co espectáculo “Non toquen as miñas mans” ou a dos brasileiros Habib e Valeria (“O burro errante”).

A PROGRAMACIÓN, CONCELLO A CONCELLO

Ferrol

A cidade naval abre a programación do Festival internacional de Entes animados. E  faino coa primeira montaxe da historia do certame destinada exclusivamente a adultos. Inclúe ademais dúas funcións para fomentar o interese polos títeres do público escolar.

Venres 12, 21:00 h.

No Centro cívico de Canido. “A rosa de papel”.

Venres 18, 12:00 h.

No CEIP A Laxe. “A Galinha dos pitinhos de ouro”.

Sábado 19, 19:00 h.

Centro cívico de Covas. “Quen é o señor sombra?”

Domingo 20, 12:30 h.

Centro cívico de Canido. “Non toquen as miñas mans”

Venres 25, 12:00 h.

No CEIP de Pazos. “Barbacena”

Narón

Narón, con seis funcións, presenta a oferta máis completa do certame, e aposta, unha edición máis, por achegar os espectáculos aos diferentes locais da súa zona rural. A rexedora apuntou a posibilidade de complementar no futuro a programación con algún obradoiro de creación de monicreques.

Venres 18, 19:00 h.

No Centro Cívico San Xiao. “Quen é o señor sombra?”

Sábado 19, 13:00 h.

No Local social A Pombiña (Pedroso) “A Galinha dos pitinhos de ouro”

Domingo 20, 19:00 h.

Centro cívico de San Mateo. “Non toquen as miñas mans”

Venres 25, 19:00 h.

Centro Cívico de Doso. “Barbacena”

Sábado 26, 19:00 h.

Centro cívico e social de Sedes. “O burro errante”

Domingo 27, 19:00 h.

Local social do Val. “Alex Barti show”

Fene

Achegará as representacións ás parroquias de Sillobre e Limodre. A representante municipal respaldou proposta naronesa de incorporar no futuro actividades complementarias.

Venres 18, 20 h.

Na SCRD Agarimo de Sillobre. “A Galinha dos pitinhos de ouro”

Venres 25, 20 h.

Na A.VV. Santa Eulalia de Limodre. “O burro errante”

Neda

Concentrará a programación nun escenario único, a Casa da Cultura, e tira de dúas compañías que seduciron ao público en anteriores visitas á vila.

Sábado 19, 12:30 h.

Na Casa da Cultura de Neda. “Quen é o señor sombra?”

Sábado 26, 12:30 h.

Na Casa da Cultura de Neda. “Alex Barti Show”

Mugardos

Sábado 19, 19:00 h.

No Casino Mugardés “A Galinha dos pitinhos de ouro”

Valdoviño

Contará na última semana do certame con dúas funcións, unha para o público escolar, e outra aberta ao conxunto da veciñanza.

Venres 25, 12:00 h.

No auditorio da Casa da Cultura. “O burro errante”

Domingo 27, 12:30 h.

Feirón mensual da Porta do Sol. “Barbacena”

Ares e Miño

Programarán o espectáculo do dinamarqués, que arrasou no seu anterior paso polo certame.  “Todo un luxo”, en palabras da concelleira de Miño.

Sábado 26, 19:00 h. Centro cultural Outeiro, en Chanteiro (Ares). “Alex Barti show”

Domingo 27, 13:00 h. Parque da Rúa en Miño. “Alex Barti show”