O Festival Internacional de Entes Animados arranca mañá en Valdoviño con funcións para os escolares

Dirixido ó público en xeral, o anfiteatro da Casa da Cultura acollerá o sábado o espectáculo “Dom Roberto” de Rui Sousa Marionetes

Valdoviño, 22 de setembro do 2022. O programa do Festival Internacional de Entes Animados arranca mañá venres en Valdoviño coa función «Pendente dun fío», da compañía francesa Pelele. Terá lugar no auditorio da Casa da Cultura a partir das 12:00 horas, co alumnado do CPI Atios e das unitarias do CRA O Esquío como público. Un espectáculo ambientado no mundo do circo, no que funambulistas, paiasos, trapecistas… irán amosando os seus incribles números. Cunha posta en escea coidada e chea de ritmo para marionetas de fío e actores con máscara, as proezas acrobáticas encadearanse coas situacións cómicas do circo tradicional. 

Xa para o público en xeral, o anfiteatro da Casa da Cultura acollerá este sábado, ás 18:30 horas, a obra «Dom Roberto», da compañía portuguesa Rui Sousa Marionetes -iso si, en caso de choiva, a función trasladaríase ó auditorio-. Con máis de dúas décadas de traxectoria como titiriteiro profesional, Rui Sousa recupera as artes tradicionais dos monicreques de fío, contribuíndo á preservación dunha das artes escénicas portuguesas máis antigas. A entrada é libre. 

O Festival, baixo a dirección artística de Plamen Dipchikov, conta co patrocinio dos concellos de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Neda, Sada e Valdoviño, que se incorpora por primeira vez este ano. Así, dende mañá venres e ata o domingo, ofrecerá nestes municipios un total de 20 propostas con compañías internacionais.