O Festival de Danza Sobre Táboas regresa este domingo á contorna da praia de Pantín
A partir das 21 h, ofrecerá os espectáculos “Mesura” de Raquel Ferradás, “Run boy run” de Álex Casal Suárez e “A raíz de” de Daniel Rodríguez
Valdoviño, 22 de xullo do 2024. A contorna da praia de Pantín acollerá este domingo 28 de xullo a II edición do Festival de Danza Contemporánea Sobre Táboas, e esta mañá a concelleira de Cultura e Turismo, Rosana García, avanzaba o cartel que a partir das 21:00 horas protagonizarán Raquel Ferradás, Álex Casal Suárez e Daniel Rodríguez.
Baixo o título «A raíz de», Daniel Rodríguez ofrecerá en Pantín un diálogo entre tradición e contemporaneidade co que construír un discurso de futuro. O intérprete traballa dende a música, o canto e a danza tradicional para crear un EU contemporáneo do que poderemos ver este domingo un anaquiño.
Tras a súa magnífica participación na primeira edición, o noso veciño Álex Casal Suárez regresará ao festival coa peza «Run boy run», coreografiada por Sabela Adalid e coa que gañou, entre outros, o prestixioso concurso CND España de danza.
E Raquel Ferradás traerá a Pantín o seu espectáculo «Mesura», un espectáculo no que lle baila á espera en diferentes momentos da vida, e co que quería transmitir a ansiedade que produce a espera en calquera momento ou situación da vida, a espera sen respostas, a incertidume e a forma que temos de convivir con ela, no seu caso, a búsqueda da tranquilidade e a paz mental dentro do caos.