O expediente de expropiación do Siroco, previa á demolición, pasa a información pública
O Diario Oficial de Galicia publica o anuncio, abrindo un periodo dun mes para que os titulares de bens e dereitos afectados presenten alegacións
Valdoviño, 23 de setembro de 2021. Continúa o proceso administrativo previo á demolición do antigo bar Siroco. No día de hoxe, o Diario Oficial de Galicia publicaba o acordo plenario que daba luz verde ao expediente de expropiación urbanística para que o edificio pase a titularidade municipal. Un trámite co que dito expediente entra en fase de información pública por espazo dun mes. Ábrese así o prazo para que os titulares de bens e dereitos presenten, no seu caso, as correspondentes alegacións e reclamacións con respecto ao expediente e á fixación do prezo, establecido en 17.604,73 euros.
A intención do Concello é derribar o inmoble, situado en primeira liña de praia, abandonado dende hai anos e nun avanzado estado de deterioro, e incorporar a parcela ao sistema xeral viario, mellorando a conexión peonil entre as dúas vías que conflúen na zona e optimizando a seguridade viaria na contorna do areal da Frouxeira.