O estudantado de Arquitectura presenta as súas propostas de intervención para a contorna das Forcadas ou a vella igrexa e cemiterio de Loira

A exposición, cunha selección dos seus traballos, poderá visitarse na casa da cultura de Valdoviño ata o próximo 9 de outubro

Valdoviño, 21 de setembro do 2026. Valdoviño volvía converterse este ano en laboratorio de ideas para o estudantado das asignaturas Proxectos 2 e 3 da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. E un ano máis, baixo o título “Terceiro Asalto”, o alumnado inauguraba exposición na casa da cultura coas súas propostas de intervención. Facíao o venres á tardiña, coa presenza do alcalde, Alberto González; o director da escola, Miguel A. Abelleira, e dunha boa representación do equipo docente integrado por Luis Walter Muñoz, Juan Creus, Mario Di Felice, Emma López, Carlos Martínez e Emilio Rodríguez. As alumnas Ainhoa Santiso e Lucía Velo participaban tamén no acto expoñendo os seus proxectos, dous dos 14 seleccionados entre todos os presentados. A exposición poderá visitarse agora ata o 9 de outubro, de luns a venres de 10:00 a 13:00 horas, e a idea é recoller nunha publicación os resultados deste ano, pero tamén dos dous anteriores.

No acto, Luis Walter Muñoz explicaba que sempre traballan cun mesmo municipio dous anos seguidos, pero que fixeran unha excepción con Valdoviño, ao tratarse dun lugar realmente inspirador. E tras formular proxectos para Monte Campelo e o núcleo urbano de Valdoviño (hai 3 anos) e máis para a contorna da praia de Vilarrube e o núcleo de Porto do Cabo (hai 2), o pasado curso desprazaron o foco de atención ao interior da localidade. Así, no primeiro cuatrimestre, traballaron na contorna do encoro das Forcadas, sendo a rede de camiños o propio proxecto, formulando pequenas intervencións como miradoiros ou refuxios para protexerse do sol ou da chuiva. Tamén redeseñaron o club náutico das Forcadas, planteando novos usos.

No terceiro cuatrimestre, o alumnado traballou en dous emprazamentos: o lugar de Pazos, en Loira, elaborando proxectos de recuperación dunha das edificacións hoxe en estado ruinoso para convertela, entre outros usos, nunha residencia para persoas que se forman no ámbito agroforestal ou agrícola, e o vello igresario e cemiterio de Loira, onde se sucederon as ideas de Intervención centradas no ámbito cultural.

Todas elas poden visitarse ata o 9 de outubro na casa da cultura, a través desta mostra integrada por maquetas e planos, entre outro material.