O escritor Miguel Castro Serantes presenta este venres na Biblioteca de Valdoviño a súa novela “La cuadrilla de las olas rotas”

O acto dará comezo ás 19:00 horas, con entrada libre

Valdoviño, 25 de novembro do 2025. O escritor Miguel Castro Serantes presentará este venres en Valdoviño o seu terceiro traballo literario, «La cuadrilla de las olas rotas». O acto celebrarase na Biblioteca Municipal, na Casa da Cultura, a partir das 19 horas, con entrada libre. Será sen dúbida unha cita moi especial, xa que Valdoviño está moi presente nas páxinas da novela, tanto as súas paisaxes e espazos como as súas xentes.

En «La cuadrilla de las olas rotas», o autor aborda temas recurrentes na súa obra como o dó, o amor e o paso do tempo, pero cun enfoque profundo sobre a amizade. A trama segue a un grupo de amigos, «La pandilla del banco», que se reencontra nun lugar inesperado, un tanatorio aos 40 anos. O que semella un espazo pechado e opaco, convértese nun terreo de reflexión persoal, emocional e colectivo. Así, a novela, editada co apoio da Asociación cultural Fuco Buxán, explora a evolución destas personaxes que medraron nos anos 90, buscando respostas ás vivencias compartidas e os recordos dunha xuventude cada vez máis lonxana.