O escritor Miguel Anxo Alonso Diz presenta este xoves na Biblioteca municipal a súa obra “Instrucións para ler este libro”

O acto virá precedido dun obradoiro de construción de brinquedos a cargo do tamén escritor, profesor e investigador Antón Cortizas 

Valdoviño, 20 de marzo do 2023.O escritor Miguel Anxo Alonso Diz presentará este xoves en Valdoviño a súa obra «Instrucións para ler este libro». O acto comezará na Biblioteca ás 18:00 horas cun obradoiro para nenos e maiores baixo o título «Instrucións para facer un brinquedo», a cargo do profesor, escritor e investigador Antón Cortizas. De seguido, sobre ás 19:00 horas, arrancará a presentación literaria, con sinatura de exemplares ao seu remate. Editado por Xerais e con ilustracións de Luz Beloso, o libro é unha orixinal homenaxe aos personaxes da mitoloxía fantástica galega, en perigo de extinción.

Así mesmo, o autor participará nesta mesma xornada, pero pola mañá, no Foro-Literario Escolar que guía á súa vez Cortizas. Nel, rapaces e rapazas do CPI Atios poderán conversar con Alonso Diz ao redor da súa obra «O país da choiva».